HORA x HORA

HORA x HORA

miércoles, 15 de diciembre de 2010

Exposición ‘Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia’

A Casa do Escudo de Verín acolle entre os días 13 de decembro e 8 de xaneiro a exposición ‘Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia’.

A exposición está promovida polo Concello de Verín, coa colaboración da Delegación Diocesana de Misións de Ourense e a Sociedad Filatélica, Numismática e Vitolfílica “Miño” de Ourense, Museo Munipal de Ourense, Museo Arqueolóxico de Ourense e Liceo Recreo Ourensán.

Beléns do Mundo
No apartado Beléns do Mundo, a mostra exhibe 35 misterios de Nadal con máis dun centenar de figuras exentas en pequenas dimensións, procedentes de Madagascar, Camerún, Brasil, Ecuador, Perú, Colombia, México, Venezuela ou Portugal, entre outros países. Os beléns que se presentan teñen entre 1 e 12 pezas, nalgúns casos son miniaturas, e están feitos de materiais vexetais (madeira de ébano, “naranjillo”, tagua [“marfil vexetal”]; cana, folla de millo ou cabaza), animais (oso) ou minerais (arxila, pedra, alabastro, barro, etc).

Esta parte da exposición compleméntase con máis dunha trintena de pezas de artesanía (telas, tapices, batíks...) que proceden de Latinoamérica e África. Tamén se exhiben algúns instrumentos de percusión africanos. Aos misioneiros da comarca de Verín están dedicados unha serie de paneis informativos sobre o lugar de nacemento de cada misioneiro, a súa localización actual, a orde á que pertencen, fotos, cartas ou entrevistas.

A maioría do material que se expón pertence á Delegación Diocesana de Misións de Ourense.

Filatelia Natalicia
A parte filatélica da exposición está montada sobre 8 paneis acristalados de 2 x 1 metro, dedicados integramente á temática natalicia no mundo. Os paneis presentan centenares de selos dos cinco continentes, series completas e información adicional sobre o interese artístico, histórico, social ou xeográfico de cada un dos timbres expostos. Destaca neses paneis as diferentes formas nas que as diversas culturas do planeta interpretan o misterio de Nadal.

Os selos que se mostran en Filatelia Natalicia son propiedade de socios da Sociedad Filatélica, Numismática y Vitolfílica “Miño”, responsable deste apartado da exposición.

Colecta
Na exposición Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia faise unha colecta para as misións das Hermanitas de los Ancianos Desamparados en Maputo (Mozambique) e Bucaramanga (Colombia).

No hay comentarios:

Publicar un comentario