HORA x HORA

HORA x HORA

viernes, 11 de febrero de 2011

VISITA CULTURAL Á CIDADE DE CHAVES


O día 3 de Xaneiro , membros do Banco do Tempo de Verín fixemos unha visita cultural a nosa veciña cidade de Chaves. A visita xurdiu dunha iniciativa deste Banco co obxectivo de estreitar lazos entre ambalasdúas cidades fronterizas. Esta proposta foi moi ben acollida polos representantes do Centro Cultural de Chaves (membros da Cámara de Chaves) , os que moi amablemente programaron a visita.

Xa centrándonos no evento, o punto de partida foi o edificio onde esta situado a Divisâo de Educaçâo e Desporto, antigo edificio de Ferrocarril, sendo recibidos por tres técnicas da Cámara (Tânia Oliveira, Vera Moura e Cláudia Araújo - Técnicas Superiores) que foron as encargadas de cumprir e dirixir o programa fixado.

Na primeira toma de contacto entre ambas partes, o noso Banco estivo representado pola Concelleira da Área de Cultura e Igualdade do Concello de Verín, Mª Corona Meixeira Romasanta, e pola coordinadora do Banco do Tempo, Sara Soto.

Como era de supoñer, en concordancia co lugar, a primeira visita foi o museo do Ferrocarril.O devandito museo está situado xunto o edificio da antiga estación de trens, como significamos antes, utilizado na actualidade como Centro Cultural.Sobre as vellas vías férreas e no interior dunha antiga "cochera" expóñense varias máquinas de tren, vagóns e locomotoras de principios do século XX, e outro material histórico vencellado co ferrocarril.

Logo veu a oficina de Información e Turismo. Encóntrase case ao lado do Forte São Francisco, á entrada do casco histórico peonil, aínda que non se ve moi ben por estar nunha pequena construción baixo o Jardim do Bacalhau. Nesta oficina recollemos un plano da cidade.

O Forte São Francisco atópase na parte alta da cidade preto do Casco histórico. Xunto co Castelo e o Forte de São Neutel constitúe un dos fortes construídos para defender o territorio, entre outros inimigos, das tropas españolas e francesas. Foi edificado no século XVII por orde do rei portugués João IV, ao estilo Vaubán, con grandes muros de cadeirado de granito de grande altura (entre 4 e 20 metros) e espesor. Ten planta cadrada, con esquinas en forma de estrela nas que se sitúan os catro baluartes, e rodeado no seu perímetro de dous sistemas amurallados. O acceso realízase a través dunha ponte levadiza construída sobre un foso, e xusto á entrada hai un monumento dedicado ao Xeneral Francisco de Silveira. Pode visitarse por dentro, xa que tras unha época de abandono, o forte foi rehabilitado e acondicionado para albergar un hotel de 4 estrelas, manténdose tamén a Capela de Nossa Senhora do Rossario (onde se celebran vodas), que pertencía ao antigo convento franciscano que antigamente houbo neste lugar. É curioso porque houbo unha época en que conviviron aquí o persoal militar cos monxes franciscanos.
Está declarado Monumento N
acional dende 1938.

Praça de Camôes. Esta praza encóntrase na zona alta da cidade e constitúe o epicentro do casco histórico, xa que é onde se encontran os edificios máis emblemáticos de Chaves: O Concello ou Cámara Municipal, a Capela de Loreto, o Pazo dos Duques de Braganza (actual Museo da Regiâo Flaviense), a Igrexa Matriz e a Igrexa da Misericordia.
É unha praza d
e planta rectangular, con pavimento empedrado, e rodeado de edificios cunha arquitectura típica, casiñas de dous ou tres alturas con amplos balcóns e galerías acritalar. Nun dos extremos da praza, fronte ao edificio consistorial eríxese o Monumento a D. Alfonso I, duque de Bragança.

Xusto pola parte posterior encóntrase a Torre da Homenaxe, que é o único que se conserva do Castelo de Chaves.

Igrexa Matriz. Dise que é a igrexa máis antiga da cidade, xa que foi construída no século XII sobre os restos dunha pequena ermida, aínda que reconstruída no século XVI. Está declarada Monumento Nacional. Mestura elementos románicos e renacentistas.

Igrexa da Misericordia. Foi construído en estilo puramente barroco no século XVII, con fachada de granito, á que se accede mediante unha escalinata. A portada está precedida dun pórtico formado por arcos de medio punto sustentados por oito columnas salomónicas.

O Castelo de Chaves encóntrase na zona máis alta da cidade, xunto á Praça de Camões, en pleno centro histórico e peonil de Chaves. Dende aquí hai unhas excelentes vistas de toda a cidade. Está rodeado de murallas e duns preciosos xardíns, nos que se exhiben restos da fortificación como escudos ou fragmentos de columnas ou muros. Foi mandado construír polo rei portugués Dinis no século XIV, e está clasificado como Monumento Nacional.
Na actualidade só se cons
erva a torre da homenaxe, de planta cuadrangular e rematada por ameas que mide uns 28 metros de altura (catro alturas). No seu interior encóntrase o Museo Militar, no que se exhiben traxes militares, uniformes, armaduras, bandeiras, armas... Dende a idade media á actualidade. Tamén hai un apartado dedicado a documentos militares, nos que se explican as técnicas de defensa da cidade contra os ataques dos españois.

A seguinte visita foi as Termas. As Termas de Chaves encóntranse a beiras do río Támega e son o principal reclamo turístico da cidade. En torno a elas aglutínase todo un conxunto de ocio e benestar: xardíns, unha área recreativa, zonas de paseo, o club de tenis, hoteis, restaurantes, pubs, as piscinas municipais cubertas...

E salientable o feito de que as augas sexan usadas non soamente para tratamentos terapéuticos o corporales, senón tamén para beber. No exterior do edificio hai unha praza con xardíns con bancos para sentarse, restos dunha ponte romana, a chamada "Buvette", un edificio con xardíns atendido por persoal das termas que ofrecen a auga do manancial para beber, e a "fonte do pobo", onde se pode ir cun vaso e servirse un mesmo, xa que está aberta sempre.

Os romanos xa facían uso dos beneficios das augas termais de Chaves con fins mineromedicinales e para o tratamento de enfermidades, polo que bautizaron á cidade co nome de "Aquae Flaviae". Estas augas, segundo os expertos, teñen unha composición única na Península Ibérica, denominándose "hipertermais (xermolan a 73º C), bicarbonatadas sódicas, meso-mineralizadas e gaseo-carbónicas", e están indicadas para doenzas do aparato dixestivo, reumáticas, musculares e esqueléticas.

As termas de Chaves foron galardoadas co premio á Melhor Unidade Termal do ano 2002, premio que segue ostentando en seis anos consecutivos. Fronte ao balneario hai un monumento dedicado a Mario Gonçalves Carneiro, médico e director das termas, que dedicou a súa vida a elas.

A cidade de Chaves é a capital da rexión do Alto Támega e está bañada polo devandito río. Hai varias pontes que o cruzan.

Ponte Romana de Trajano. Chaves foi ocupada xa dende a época romana, e esta ponte é un dos vestixios que aínda se conservan daquela florecente época. Foi construído no século I en cachotaría sobre o río Támega, unindo o casco histórico da cidade co barrio de La Madalena.
É integramente peonil, mide uns 150 metros de lonxitude e está formado por 16 arcos reforzados por contrafortes. A metade do percorrido levántanse a un e outro lado da ponte, dúas columnas de pedra labradas cunhas inscricións que fan referencia aos emperadores romanos Trajano e Vespasiano.

Hai outra ponte de construción moderna. Trátase dunha ponte tensada, metálica de cor branca, situada en torno á zona máis lúdica da cidade. É unha ponte exclusivamente peonil que une os xardíns da Alameda do Tabolao coa área recreativa da Madalena.

Finalizado o percorrido cultural, os membros do Banco deleitámonos nunha céntrica cafetería , coas excelencias dos doces e do café flaviense. Este establecemento vangardista é unha mostra viva do equilibro acadado pola nosa veciña cidade, que soubo integrar o seu pasado remoto co presente, creando bases firmes para a súa proxección futura.

Despois da longa e instrutiva xornada, fomos invitados pola asociación Chaves Viva a unha cena. Dita asociación pretende promover o ensino, o desenvolvemento, a valorización e a promoción da cultura, estando representada por António Ramos (Director de Departamento Sociocultural) .Houbo unha opinión unánime entre os degustantes de que tales delicias gastronómicas son únicas no noso entorno, coa promesa de retornar pronto a seguir disfruitándoas.

Falar de Chaves é falar de música. A través da asociación Chaves Viva , organízanse no Auditorio, concertos musicais semanalmente, coa participación de importantes artistas portugueses, e incluso de procedencia galega. Neste caso, a visita cultural programada polas técnicas da Cámara, incluía a asistencia ao Concerto de Fados, interpretado pola fadista Joana Costa, un dos novos valores deste xénero musical no país veciño.

Os membros do Banco do Tempo disfrutamos deste concerto acompañados de Antonio Ramos, así como, de Tânia Oliveira, Vera Moura e Cláudia Araújo, que a pesar dos seus compromisos profesionales do día seguinte, seguiron con nos ata unha ben avanzada hora da noite.

Como remate queremos expresar o noso agradecemento a Cámara de Chaves, a Asociación Chaves Viva, o Director do Departamento Sociocultural, Antonio Ramos, a Tânia Oliveira (Técnica Superior do devandito Departamento), a Vera Moura (Técnica Superior) e a Cláudia Araújo (Técnica Superior) pola súa dedicación e amabilidade amosada,... polo trato que nos dispensaron máis alá da súa condición profesional.

Agradecemos tamén ao Concello de Verín, na figura da Concelleira Mª Corona Meixeira Romasanta, o seu apoio a esta iniciativa, así como a súa presenza en Chaves no inicio na mesma. Da mesma maneira, á coordinadora do Banco do Tempo de Verín, Sara Soto, polo seu traballo e esforzo para que funcione o noso BDT, ao socio Celso González, pola súa colaboración en que este evento saíse adiante e a todos os membros do BDT que asistiron a esta saída cultural.


Socios/as Banco do Tempo de Verín




No hay comentarios:

Publicar un comentario